Sunday 19 de May de 2024

A comisión de festas de Naraío, o club Biela e Chaveta e o Concello de San Sadurniño organizan unha cronoescalada ciclista para a véspera do San Roque


A proba celebrarase o venres 11 de agosto cun trazado de 3,4 quilómetros sobre asfalto e un desnivel positivo cercano aos 500 metros

Bicicletas de montaña e de estrada competirán en modalidades separadas

As inscricións, que son gratuítas, poden facerse ata o 8 de agosto a través do correo narajaio@gmail.com

A parroquia de Naraío celebrará as festas do San Roque os días 12 e 13 de agosto cun cartel que previsiblemente se desvele dentro duns días. O que si sabemos xa é que a véspera da finde festeira, o venres 11, vai organizarse unha competición ciclista de pouco máis de 3 quilómetros de percorrido pero dunha grande dificultade. E é que a comisión de festas, o club Biela e Chaveta e a área de Deportes do Concello de San Sadurniño colaboran na primeira cronoescalada Sanrockeira 2023, que porá a proba a resistencia dun máximo de 100 ciclistas en bici de montaña ou de estrada, arrancando na Veiga e chegando a Quintiá (quen dea chegado), despois de salvar 468 metros de desnivel moi pronunciado, sobre todo nos dous últimos quilómetros. As inscricións poden facerse desde xa e ata o 8 de agosto a través do correo narajaio@gmail.com.

A cronoescalada Sanrockeira 2023 está dividida por categorías dentro de dúas modalidades, unha para bicis de estrada e outra para bicis BTT. Así, no primeiro apartado hai seis clasificacións por idades, tanto en masculina como en feminina: Sub 23 -19 a 22 anos-, Elite -23 a 29-, Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60. Na segunda modalidade -para bicicletas de montaña-, os e as participantes encadraranse en Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60.

As dúas deberán completar un percorrido de 3,4 quilómetros de distancia que comezará no campo da festa de Naraío -ao pé da pista polideportiva- e que despois continuará polos lugares do Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada -polo camiño novo-, Lourido e, finalmente, o lugar de Quintiá.

A saída para a primeira persoa participante darase ás 18:30h e a partir de aí irán arrancando individualmente cada 60 segundos. Os tempos controlaranse con cronometraxe manual.

O itinerario discorre sobre firme aglomerado, algo que favorecerá ás bicicletas de roda estreita e razón pola que a organización dividiu a proba en dúas modalidades, sabedora de que a evolución con roda ancha é, a priori, máis lenta.

O primeiro quilómetro de trazado ten escasa dificultade, con costas suaves, algún segmento chan e incluso algunha baixada. A cousa complícase na volta do rego da Cernada, a 2,4 km da meta, onde empeza un ascenso ininterrompido que non dará tregua ás pernas e que incluso se porá máis difícil na parte final, a medio quilómetro da chegada, incrementando a porcentaxe da pendente e sumándolle máis de 100 metros en curva. Quen conserve forzas terá como recompensa os 400 metros finais practicamente en chan para tentar esprintar e rabuñarlle ao crono algúns segundos.

Na chegada haberá avituallamento líquido para todas e todos os participantes, que poderán regresar á saída polo mesmo camiño respectando o avance de quen aínda estea subindo.

A inscrición na I Cronoescalada Sanrockeira é gratuíta e deberá efectuarse antes das 14:00h do 8 de agosto enviando un correo a narajaio@gmail.com facilitando os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento, correo electrónico e/ou teléfono de contacto e DNI. Hai 100 prazas dispoñibles que se irán asignando por orde de solicitude.

Para retirar o dorsal -ata media hora antes do inicio da proba- será necesario presentar o carné ou a licenza federativa. Malia ser un evento deportivo de balde, quen se inscriba terá cobertura de seguro e, ademais, a organización tamén contará con ambulancia ante posibles incidencias.

Na modalidade de bicicleta de estrada levarán trofeo os tres mellores tempos masculinos e femininos das seis categorías. Na modalidade BTT haberá trofeo para as primeiras persoas clasificadas -masculino e feminino- en cada unha das catro categorías Máster. Ademais tamén se lle entregará galardón a quen fagan o mellor rexistro feminino e masculino tanto na xeral en estrada como na xeral en BTT.

Longa tradición deportiva nas festas de Naraío
Asociar deporte e festas patronais non é novidade ningunha, nin tampouco algo exclusivo de Naraío. Porén, esta parroquia gábase dun longo historial de espectáculos deste tipo, empezando por aqueles antano tan disputados partidos de fútbol de solteiros contra casados -ás veces mixtos-, os encontros interparroquiais -case sempre contra Igrexafeita, con volta/desquite no Biscordel- e, máis recentemente, facendo coincidir co San Roque o trofeo municipal de fútbol, nunhas ocasións como triangular e noutras como derbi local entre a UDC Narahío e o CF San Sadurniño.

Porén, a proba “deportiva” que sen dúbida deixou maior pegada na memoria local foi a contrarreloxo de tractores a ceacú con remolque que se disputou en tres ocasións a principios dos anos 90 no lugar da Fraguela cadrando coas festas na honra a Santa Mariña de mediados de xullo. Por sorte, hoxe a seguridade é o primeiro e por esa mesma razón unha crono así sería impensable na actualidade.